martes, 30 de noviembre de 2010

XOGA E FÁLAO

XOGA E FÁLAO, da mañá á noite

Nova campaña de normalización lingüística do Concello de Redondela
A Piscina Municipal de Redondela acolleu este mediodía a presentación da nova
campaña para normalizar o uso da lingua galega no ámbito deportivo, promovida pola
Concellaría de Normalización Lingüística.
Ao acto de presentación asistiron a Concelleira, Ánxeles Babarro, o director da piscina
municipal, José Bamio, traballadoras deste centro deportivo, e varios representantes dos
clubs deportivos Redondela Fútbol Sala e Club Deportivo Cesantes



O deseño deste proxecto comezou no mes de outubro coa convocatoria do concurso de
carteis que serve de soporte publicitario da mesma, e estivo apoiado en comunicacións a
todas as entidades e clubs deportivos redondeláns para que se sumasen á iniciativa.

Nunha primeira fase a campaña divulgarase a través de diferentes soportes que farán
visible o lema XOGA E FÁLAO, DA MAÑÁ Á NOITE, que estará presente en carteis,
trípticos divulgativos de léxico dos deportes, viseiras, bolsos porta zapatillas, e camisolas
para o persoal da Piscina Municipal (tanto de recepción como dos monitores da piscina e
das distintas especialidades deportivas que se imparten no centro). Ademais, nestas
instalacións o lema principal da campaña estará apoiado nun convite moi axeitado para as
persoas usuarias da piscina: MERGÚLLATE!, que divulgarán tamén para promover entre
a poboación este deporte acuático.

A partir deste desenvolvemento inicial a campaña espallarase por todas as entidades e
clubs deportivos do concello que queiran apoiala. Nestes comezos xa teñen confirmada a
súa adhesión a este programa o Club Deportivo Choco, Club Redondela Fútbol Sala,
Redondela Escola de Fútbol Base, Club de Remo Chapela, Club Balonmán Chapela,
Sociedade Atlética Redondela (SAR), Club Deportivo Cesantes, Club Patinaxe Artística
Bolboreta e Club de Tenis Redondela.

A campaña desenvolverase durante todo o ano 2011 e o obxectivo é que o deporte
redondelán “fale galego”, que a nosa lingua estea presente en todas as comunicacións
orais e escritas que produzan as entidades participantes: entradas, carteis, megafonía,
regulamentos, estatutos, páxinas web e blogs dos clubs, competicións ou publicidade, e
que utilicen a lingua galega como lingua habitual, para que os hábitos saudables da
poboación incidan tamén na saúde da nosa lingua propia.

Para iso o Servizo de Normalización Lingüística colaborará con todas elas para
axudarlles a desenvolver unha verdadeira promoción da lingua galega, facéndolles
correccións e traducións, e facilitándolles a confección de páxinas web ou blogs nos que
poidan divulgar as súas actividades.

No hay comentarios:

Publicar un comentario